Plan de traballo

barra-colores

Son catro as actividades principais do proxecto

Actividade 3

Reforzo e mellora das poboacións de peixes migradores

barra-colores
Icon-act_3

Realizaranse accións coa finalidade de mellorar o estado de conservación de tres das especies máis emblemáticas da conca do río Miño: a anguía, o salmón e o sable.

Por quE É necesario?

barra-colores

De acordo cos resultados obtidos do inventario de peixes fluviais no río Miño e afluentes, realizado no marco do proxecto POCTEP NATURA Miño – Minho hai uns anos, a situación é especialmente preocupante no caso do salmón. A presenza de alevíns redúcese a moi poucos ríos e é o Tea o que concentra unha maior cantidade de exemplares. A poboación de sable tamén se atopa nunha situación de risco cunha redución do seu stock moi notable nas últimas décadas.

Por outra parte, a poboación de anguía tamén se atopa en condicións precarias, pois sitúase en valores residuais ou moi baixos en moitos tramos dos afluentes do río Miño. En relación con esta especie, hai que sinalar que unha gran cantidade de anguías pequenas se acumulan ao pé do encoro de Frieira no seu intento de remontar o leito do Miño e acaban perecendo.

QuE se vaI Facer?

barra-colores

Realizaranse accións orientadas a favorecer o estado de conservación da anguía (a través dun plan anual de translocación de meixóns a ríos afluentes galegos e portugueses), a creación dun stock de salmón e a análise das súas potencialidades para crear outro para o sable.

Esta actividade estrutúrase en tres accións que son as seguintes:

  • Acción 1. Plan de translocación de anguía do encoro de Frieira a ríos tributarios

    Esta actuación consistirá na captura dos exemplares de anguía cuxo remonte no río Miño impide o encoro de Frieira (Ourense). Esta acción consiste na captura das anguías pequenas (uns 650 quilos anuais de crías de anguía) que adoitan chegar ao pé do encoro todos os anos nos meses de xullo e agosto.

    Capturaranse exemplares de maneira regular durante o período de tempo de chegada das anguías ao pé do encoro e serán transportadas de maneira inmediata a localizacións de diferentes ríos tributarios augas abaixo, que presenten condicións idóneas para o desenvolvemento dos xuvenís de anguía. Este plan de translocación beneficiará tanto a ríos tributarios de Galicia como de Portugal. Con esta acción incrementarase a taxa de supervivencia dos alevíns de anguía e contribuirase a aumentar a densidade de poboación da especie na subconca do tramo internacional do río Miño, co que se lles dá cumprimento ás medidas para a recuperación da poboación da anguía europea aprobadas polo Consello de Ministros Europeo (EC Reg 1100/2007).

  • Acción 2. Creación dun stock reprodutor de salmón procedente do río Miño. Análise das potencialidades para o sable

    Na actualidade non existe un stock reprodutor de salmóns procedentes do río Miño. A Xunta de Galicia ten unha experiencia notable ao respecto e mantén diversos stocks reprodutores de salmóns, como o correspondente ao Lérez e o Ulla, localizado na estación do río Almofrei, en Pontevedra. A través desta acción crearase un stock reprodutor estable de salmón realizando capturas de reprodutores na estación de captura do encoro de Frieira, onde chegan todos os anos en inverno. Estes exemplares serán trasladados a instalacións dependentes da Xunta de Galicia para realizar a reprodución forzada dos exemplares.

    Consistirá na incubación e o desenvolvemento dos primeiros exemplares dos xuvenís de salmón ata a súa posterior solta en localizacións de ríos tributarios con condicións óptimas para o seu desenvolvemento. Esta solta realizarase principalmente en ríos tributarios do Miño en Galicia, sempre augas abaixo da presa de Frieira, nun número próximo aos 20 000 exemplares anualmente.

    Aproveitando a loxística existente no encoro de Frieira, en especial a estación de captura, tamén é obxectivo desta acción probar o sistema actual e facer unha avaliación sobre a potencialidade de reprodución do sable (Alosa alosa), dado que o Miño é un dos poucos ríos europeos onde existe unha poboación funcional desta especie.

    Dadas as características biolóxicas da especie, concretamente a dificultade da súa supervivencia polo contacto con redes, preténdese probar e perfeccionar o sistema de captura e transporte de reprodutores para a xeración dun potencial stock reprodutor e a reprodución forzada dos exemplares, igual que se realizará no caso do salmón.

  • Acción 3. Avaliación do éxito reprodutor do salmón e do sable ao pé do encoro de Frieira

    Tanto o salmón coma o sable son especies migradoras que, tras nacer nos ríos, se desenvolven no mar e volven aos cursos fluviais para a súa reprodución. No caso do río Miño, o remonte das especies finaliza ao pé do encoro de Frieira, barreira infranqueable que obstaculiza a súa viaxe migratoria. Ante esta situación, resulta frecuente que os exemplares que chegan a este punto realicen o que se denomina tecnicamente unha “desova forzada”, é dicir, reprodúcense nas inmediacións do encoro de Frieira.

    Ata agora non se avaliou o éxito reprodutor da desova forzada para ambas as especies. Con esta acción realizarase por primeira vez un estudo de campo sobre este aspecto, o que pode condicionar as estratexias de apoio directo á conservación das dúas especies. En particular, analizarase a idoneidade ou non da súa cría en catividade, en función dos resultados obtidos.

Indicadores de resultado

  • 40.000

    Xuvenís de salmón liberados en afluentes do tramo internacional do río Miño

  • 2.600

    Quilos de meixóns traslocados dende o encoro de Frieira (1,2 millóns de exemplares)

  • 20

    Exemplares de sable incluídos no estudo do stock reprodutor