Con esta actividade preténdese realizar un mapa das presións de orixe antrópica que están presentes nos leitos fluviais e que afectan aos hábitats e á dinámica das especies de peixes migradores. Tras o inventario inicial realizaranse actuacións para eliminar ou mitigar as devanditas presións.
As presións de orixe antrópica, como a construción de presas e unha mala regulación pesqueira, pódense identificar como os principales factores que seguen afectando aos peixes migradores. Porén, hai outras presións que soporta o hábitat fluvial do río Miño que tamén inciden negativamente: as verteduras aos leitos fluviais, as extraccións de auga, o uso recreativo das masas de auga, as variacións de caudal por efecto da presa de Frieira ou as alteracións da vexetación ripícola, por exemplo.
Realizarase un mapa detallado e actualizado das presións de orixe antrópica que están presentes nos leitos fluviais afluentes e no do río Miño na súa subconca internacional e que afectan aos hábitats e á dinámica das especies migradoras obxectivo.
Tras un inventario inicial realizaranse actuacións para eliminar ou mitigar presións identificadas nos dous ámbitos principalmente: na xestión dos aproveitamentos das especies fluviais nos ríos afluentes do tramo internacional do Miño e no melloramento da calidade do hábitat fluvial mediante a mellora da vexetación ripícola.
Consiste nun inventario actualizado na subconca do tramo internacional do río Miño das presións que afectan fundamentalmente aos peixes migradores. Este inventario centrarase especialmente nos afluentes nos que as intervencións potenciais que se realicen para mitigar presións axuden a crear unha maior dispoñibilidade de hábitat para a ictiofauna.
En canto ao alcance da acción, o inventario de presións centrarase fundamentalmente nos ríos tributarios da subconca do tramo internacional do Miño, así como no leito principal, desde o encoro de Frieira ata a súa desembocadura.
Como presións determinaranse as seguintes:
– Verteduras, cunha localización e caracterización de fontes concretas de contaminación de augas superficiais así como fontes de contaminación difusa.
– Usos recreativos de masas de auga
– Impacto da actividade agroindustrial na calidade da auga dos efluentes.
– Calidade da vexetación de ribeira
– Variacións de caudal por efecto da presa de Frieira
– Aproveitamentos pesqueiros profesionais e deportivos
A Comisión Permanente Internacional do Río Miño entre España e Portugal adoptou o Plan de xestión da anguía europea no marco do Reglamento de pesca no tramo internacional do Miño. No entanto, existe unha actividade pesqueira profesional e deportiva moi relevante nos ríos tributarios a ambos os lados do Miño onde a competencia da xestión piscícola non está coordinada nin responde a uns criterios comúns entre España e Portugal.
A través desta acción preténdense definir unhas normas comúns de pesca fluvial nos ríos tributarios do Miño a ambos os lados da fronteira aplicando unha visión de planificación conxunta da subconca do tramo internacional do Miño, o que suporía un importante fito para unha xestión eficaz da pesca dos peixes migradores.
Prevense ademais actuacións de divulgación, encontros e reunións para darlles a coñecer estas medidas de xestión a autoridades competentes e aos colectivos de pesca a ambos os lados da fronteira.
Unha das presións que afectan á calidade dos hábitats fluviais ten que ver co estado da vexetación de ribeira (inexistencia desta, alteración na composición florística, presenza de especies invasoras etc.) que ten un impacto directo no leito fluvial. Debemos ter en conta que unha adecuada cobertura de vexetación de ribeira condiciona o éxito reprodutor nas zonas de desova así como nos lugares onde se desenvolven os alevíns dos peixes migradores nos seus primeiros estadios de desenvolvemento.
Esta acción consistirá na restauración ambiental das marxes de ribeira e bosque ripario en leitos fluviais de ríos tributarios na marxe galega do Miño. A selección concreta das zonas de intervención virá determinada polos resultados da acción 1.