Obxectivos

barra-colores

O proxecto MIGRA MIÑO – MINHO ten como obxectivo xeral mellorar a protección e a conservación do hábitat fluvial da conca do río Miño no tramo internacional a través da implementación de actuacións de mellora dos leitos fluviais e do estado de conservación das especies de peixes migradores presentes no Baixo Miño e os seus afluentes tributarios.

Ademais darase resposta ás demandas político-sociais de mellorar o estado de conservación das especies de peixes migradores, o que contribuirá á preservación e á valorización das actividades pesqueiras tradicionais, así como ao desenvolvemento socioeconómico sustentable do territorio transfronteirizo, ao responder ás necesidades prácticas das actividades comerciais, como a pesca, o turismo ou o sector enerxético.

Obxectivos específicos

barra-colores
0101

Mellorar a mobilidade e a accesibilidade dos peixes migradores no hábitat fluvial nos ríos tributarios do Miño

Consiste na eliminación e na permeabilización de obstáculos presentes en leitos fluviais de afluentes do río Miño no tramo internacional, tanto en Galicia como en Portugal, que impiden ou limitan a mobilidade dos peixes migradores.

Tras unha selección inicial de obstáculos, sobre os que se considerará a súa situación administrativa e o seu carácter biolóxico (potencial de mellora na mobilidade das especies obxectivo e na calidade do hábitat fluvial), dispoñerase de dispositivos de franqueo, eliminaranse obstáculos ou realizaranse actuacións que permitan permeabilizar os devanditos obstáculos.

0202

Mitigar as presións de orixe antrópica que están presentes nos leitos fluviais e que afectan aos hábitats e á dinámica das especies migradoras obxectivo

Tras o inventario inicial, realizaranse actuacións para eliminar ou mitigar as devanditas presións e que se centrarán basicamente na definición, por primeira vez, de medidas de xestión conxunta de pesca fluvial e asesoramento técnico a autoridades competentes e sectores económicos. Ademais, este obxectivo específico implementarase mediante unha mellora da vexetación ripícola que favoreza a calidade do hábitat fluvial. As accións de divulgación e sensibilización contribuirán a acadar o mencionado obxectivo complementariamente.

0303

Reforzar e mellorar o estado de conservación das poboacións de peixes migradores, en concreto a anguía, o salmón e o sable

Este obxectivo articularase a través da posta en marcha dun plan de translocación de anguía dende o encoro de Frieira a afluentes do tramo internacional tanto de Galicia como de Portugal, así como a través da creación dun stock reprodutor de salmón procedente do río Miño, da análise da potencialidade para o sable e a avaliación do éxito reprodutor de ambas as especies ao pé do encoro de Frieira.

 

0404

Avaliar obxectivamente o impacto das estratexias conxuntas implementadas para a mellora do estado de conservación do hábitat e das especies de peixes migradores na conca internacional do río Miño

Tamén é un obxectivo do proxecto establecer procedementos comúns e levar a cabo as accións necesarias para avaliar o grao de impacto na mellora do estado de conservación das especies de peixes migradores. Isto reforza aínda máis a estratexia de cooperación conxunta entre as institucións con competencias na materia entre Galicia e o Norte de Portugal e contribúe a sentar as bases para a elaboración de instrumentos de planificación e ordenación dos espazos naturais e dos recursos ambientais.