A Dirección Xeral de Patrimonio Natural exerce as competencias e funcións atribuídas á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia, entre outras, en materia de conservación, protección, uso sustentable, mellora e restauración do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia; a ordenación, conservación, protección, fomento e o aproveitamento sustentable dos recursos cinexéticos e piscícolas nas aguas continentais; a xestión dos hábitats naturais, da flora e fauna silvestres, e a conservación específica dos espazos que compoñen a Rede Galega de Espazos Protexidos e da Rede Natura 2000 de Galicia ou doutras zonas de alto valor ambiental.
O Instituto da Conservação da Natureza e das Florestas (en diante ICNF) é un organismo público integrado na administración indirecta do Estado, dotado de autonomía administrativa, financeira e patrimonio propio. Desempeña as funcións da autoridade nacional para a conservación da natureza e a biodiversidade e a autoridade nacional forestal.
O ICNF ten por misión propoñer, aconsellar e asegurar a execución das políticas de conservación da natureza e os bosques, e velar pola conservación, a utilización sustentable, a valorización e o recoñecemento público do patrimonio natural, así como promover o desenvolvemento sustentable de espazos forestais e dos recursos asociados e asegurar a prevención estrutural na defensa do bosque, e dos recursos cinexéticos e acuícolas das augas interiores e outros directamente asociados ao bosque.
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (en diante CHMS) é o organismo que xestiona as concas hidrográficas do Miño-Sil e do Limia.
A Lei de augas establece as seguintes competencias:
• Elaboración do plan hidrolóxico da conca, así como o seu seguimento e revisión.
• Administración e control do dominio público hidráulico.
• Definición de obxectivos e programas de calidade de acordo coa planificación hidrolóxica.
• Administración e xestión das concesións do aproveitamento de auga.
A confederación tamén se ocupa da realización de plans, programas e accións para unha adecuada xestión das demandas e da calidade das masas de auga.
A Agência Portuguesa do Ambiente (en diante APA) ten como misión propoñer, desenvolver e asesorar sobre a xestión das políticas medioambientais e de desenvolvemento sustentable, tendo en conta un elevado nivel de protección e valoración do ambiente. Como autoridade nacional da auga, correspóndelle propoñer, desenvolver e orientar na execución da política dos recursos hídricos de cara á súa protección e posta en valor, a través da planificación e a xestión dos recursos hídricos e das augas, así como o desenvolvemento dunha estratexia de protección e xestión integrada do litoral.
A Estación de Hidrobioloxía “Encoro do Con” da Universidade de Santiago de Compostela (en diante USC) é un centro especializado na investigación en bioloxía das augas continentais, polas súas características único en España e Portugal. As súas instalacións e medios garanten o desenvolvemento de traballos científicos, proxectos de investigación, reunións científicas etc. Asesora e colabora con entidades públicas e privadas europeas, e promove o establecemento de relacións de intercambio científico con outros centros de investigación. Conta co selo EFQM de Excelencia Europea 200+, que identifica as organizacións excelentes que apostan por ser un referente de calidade, tanto nos seus servizos como na xestión da organización.
O Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental (en diante CIIMAR) é un organismo de I&D que ten como misión o desenvolvemento de investigación de excelencia, a promoción do desenvolvemento tecnolóxico e o apoio das políticas públicas na área das ciencias mariñas e ambientais. O centro conta con case 400 investigadores (165 con doutoramento), e promove un tratamento multi e interdisciplinar a desafíos sociais e económicos con relevancia no contexto rexional, nacional e global. O CIIMAR ten cualificacións e experiencia relevantes na implementación de proxectos de I&D e innovación, de promoción da transferencia de tecnoloxía, e formación en múltiples sectores relacionados co mar, como é a conservación e a valorización de recursos endóxenos asociados á economía do mar.
A Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira (en diante CMVNC) integra o sector público administrativo tradicional do Estado, a nivel local, e desenvolve a súa acción nos termos previstos na lei. O Aquamuseu do río Miño é un proxecto municipal, en vigor dende hai dez anos e desempeña un papel relevante na promoción do coñecemento e divulgación do patrimonio natural asociado á conca hidrográfica do devandito río mediante visitas guiadas á exposición permanente que constitúe o Acuario e o Museo da Pesca. A transmisión do coñecemento científico chega aos diferentes colectivos (escolares, pescadores e público en xeral), a través de actividades pedagóxicas e exposicións que alí se realizan.