Descrición Xeral

barra-colores

O proxecto MIGRA MIÑO – MINHO presenta como reto principal mellorar a protección e a xestión sustentable do espazo natural de fronteira que conforma a subconca internacional do río Miño, incluíndo os seus afluentes tributarios, e quéreo facer a través dunha mellora das condicións do hábitat fluvial e de medidas que avancen no estado de conservación das poboacións de peixes migradores presentes nel.

MIGRA MIÑO – MINHO busca mellorar a protección e a conservación do hábitat fluvial da subconca do tramo internacional do río Miño desde o encoro de Frieira (provincia de Ourense) ata a súa desembocadura con actuacións de mellora do estado de conservación dos leitos fluviais e das especies de peixes migradores presentes no río Miño e nos seus afluentes.

Ademais da compoñente medioambiental, este proxecto pretende darlles resposta ás demandas político-sociais de protexer e mellorar o estado natural do tramo internacional do río Miño, mediante a conservación dun dos compoñentes clave máis ameazados, as especies de peixes migradores. Isto contribuirá á preservación e á valorización das actividades pesqueiras tradicionais, así como ao desenvolvemento socioeconómico sustentable do territorio transfronteirizo, ao responder ás necesidades prácticas das actividades comerciais coa pesca, o turismo ou o sector enerxético.