Alosas

Sable (Alosa alosa) e Sabella (Alosa fallax)

barra-colores
  • Descrición
  • Hábitat
  • Ciclo de vida

O sable e a sabella son dúas especies moi parecidas que poden mesmo chegar a hibridar. De corpo alongado e comprimido lateralmente, caracterízanse por ter grandes escamas e unha cor prateada e brillante con manchas negras xusto detrás do opérculo. Diferéncianse entre si polo número de branquiespiñas no primeiro arco branquial (o sable ten o dobre que a sabella) e polo tamaño que acadan os adultos (o sable entre 40 e 85 cm mentres que a sabella só 25-45 cm). Os sables poden vivir ata 8 anos e as sabellas ata 12.

Son especies migratorias anádromas, é dicir, viven principalmente en auga salgada e reprodúcense nos ríos.
No mar, ambas son gregarias e viven en profundidades de ata 200-300 m. Habitan tanto sobre a plataforma continental como na zona litoral e a sabella preferentemente próxima aos estuarios.

Os adultos entran nos estuarios a finais do inverno e durante toda a primavera. Cando remontan o río non se alimentan, polo que nesta fase perden ata un 55 % do seu peso.

Reprodúcense entre maio e xuño, en zonas de pouca profundidade e area ou grava. A sabella adoita desovar en tramos medios ou baixos do río, mesmo nos estuarios, mentres que o sable busca tramos máis altos.

Os xuvenís chegan ao estuario durante o verán e o outono e permanecen alí, os de sable durante 4-6 meses e os de sabella ata o segundo ou terceiro verán.
Despois volven ao mar, ata acadar a madurez sexual e iniciar de novo o ciclo.

  • Estado de conservación
  • Factores de ameaza
  • Medidas de conservación

Tanto o sable como a sabella están presentes no río Miño e o seu estado de conservación é preocupante, polo que son especies catalogadas como vulnerables. A situación é común a outros territorios de Europa, onde as súas poboacións se están reducindo de forma drástica e, no caso do Miño, a situación é especialmente crítica no tramo internacional ao seu paso por Portugal.

Os principais factores que ameazan a supervivencia destas dúas especies de Alosa no tramo internacional do río Miño están relacionados coa sobrepesca e a alteración do hábitat.
• Contaminación por verteduras de depuradoras e efluentes domésticos e industriais
– Perda da calidade química da auga
– Alteración do réxime hidrolóxico e os procesos biolóxicos
• Construción de presas e obstáculos infranqueables no leito (encoro de Frieira)
– Dificultade de migración cara ás zonas de desova naturais (a sabella non se ve tan afectada coma o sable debido a que desova máis preto da desembocadura)
– Redución do hábitat dispoñible
– Perda da calidade hidromorfolóxica por variacións de caudal
• Sobrepesca e pesca furtiva
• Introgresión xenética (hibridación entre o sable e a sabella)
– Diminución de efectivos

As principais accións que poderían favorecer a recuperación da especie son:
• Fomento do paso migratorio mediante a construción de ascensores nas grandes presas e a eliminación de obstáculos. Os pasos para salmónidos non serven para o sable nin a sabella, xa que a súa capacidade de natación e salto é menor.
• Depuración das verteduras.
• Prohibición efectiva da súa pesca.
• Aumento do nivel de protección na lexislación nacional.