Salmón atlántico (Salmo salar)

barra-colores
  • Descrición
  • Hábitat
  • Ciclo de vida

O salmón é unha especie migradora anádroma que remonta os ríos para realizar a súa reprodución.
De aspecto similar á troita, presenta trazos propios que o diferencian doutras especies, coa característica cor da súa carne, un rosa alaranxado que lle dá nome á coñecida cor “salmón”.
Tamén se distingue da troita polo seu tamaño, xa que adoita medir entre 60 e 110 cm e mesmo chegar aos 150 cm (aínda que en Galicia rara vez acadan a lonxitude de 1 m) e pesar ata 45 kg (en España arredor dos 20 kg).
En canto á coloración, o salmón cambia de tonalidade ao longo da súa vida en función do medio en que habita. Nace nos ríos e, na primeira etapa da súa vida, ten unha cor azul verdosa con manchas vermellas. Na auga salgada adquire un ton gris azulado e, á súa volta aos ríos, vólvese pardo avermellado e amarelo verdoso.
Pode vivir ata 13 anos.

Nos ríos, o salmón prefire as augas frías, ben osixenadas, de baixa profundidade, corrente moderada alta e fondo de grava ou sedimentos. Durante a súa etapa reprodutora en auga doce non se alimenta.

Os individuos pequenos permanecen no río durante dous ou tres anos para despois migrar ao mar de forma gregaria, xeralmente ao longo da primavera, onde se alimentan e prolongan un, dous ou tres anos a súa fase de crecemento. O remonte ten lugar a partir de decembro e a madurez sexual conclúe no río.

  • Estado de conservación
  • Factores de ameaza
  • Medidas de conservación

O salmón atlántico atopa no río Miño o seu límite de distribución meridional, onde o seu estado de conservación é alarmante, xa que se considera unha especie en perigo.

Os factores negativos que afectan e poñen en perigo a conservación do salmón no río Miño son:
• Verteduras e contaminación no río
• Perda da calidade química da auga
• Construción de presas e obstáculos infranqueables no leito
• Dificultade para o movemento migratorio e o acceso á zona de reprodución
• Redución do hábitat dispoñible para o desenvolvemento dos xuvenís
• Perda de calidade hidromorfolóxica da auga (flutuacións de caudal, procesos de canalización e extracción que provoca a construción de presas)
• Enfermidades infecciosas
• Introdución de especies exóticas
• Sobrepesca

As medidas de conservación son:
• Control das verteduras
• Modificación das escalas para os salmóns
• Mantemento dos réximes de caudais naturais dos ríos
• Conservación e protección das zonas de desova
• Corrección das canalizacións
• Prohibición da comercialización dos salmóns e da súa pesca extractiva
• Limitación das repoboacións