Problema abordado

barra-colores

En todo o mundo as poboacións de peixes migradores están en franco declive e na conca do río Miño a súa situación é moi preocupante. As principais especies de peixes migradores do río Miño e os seus afluentes son o reo (Salmo trutta), o salmón (Salmo salar), o sable (Alosa alosa), a sabella (Alosa fallax), a lamprea mariña (Petromyzon marinus) e a anguía (Anguilla anguilla).

As especies obxectivo do proxecto son o reo, o salmón, o sable, a sabella, a lamprea mariña e a anguía

O encoro de Frieira, a 77 km da desembocadura do río Miño, é hoxe en día unha barreira infranqueable ata a que poden chegar os peixes migradores.

A construción de presas (que implica perda do hábitat, zonas de reprodución etc.) e unha mala regulación pesqueira (con sobreexplotación importante para todas as especies) pódense identificar como os principais factores que afectan á súa distribución e abundancia.

As que foron poboacións abundantes de especies, como o salmón, a anguía, o sable ou a lamprea, reducíronse tanto que a súa escaseza se converteu nun novo e crecente problema para as actividades económicas tradicionais que dependen delas e para a conservación da biodiversidade.

O tramo internacional do río Miño mantén asociada unha intensa actividade extractiva que atopa na anguía e a lamprea os seus principais recursos. Xunto co salmón e o reo, estas foron especies explotadas tradicionalmente dende a antigüidade polos habitantes da zona, o que creou unha forte identidade que se manifesta tanto no acervo cultural común da zona, coma no rico patrimonio histórico asociado a infraestruturas de pesca, as tradicionais pesqueiras.

Na actualidade estas especies son un recurso moi importante para a actividade económica da zona. Segundo datos da Comandancia Naval do Minho, son máis de 300 as embarcacións permitidas para a pesca da lamprea (180 en Portugal e 128 en Galicia) ás que están asociadas máis de 530 pescadores (290 en Portugal e 240 en Galicia).

Dada a situación actual das especies migradoras na conca do Miño, faise imprescindible unha actuación conxunta e coordinada a ambos os lados da fronteira que permita mellorar o hábitat fluvial e o estado das poboacións dos peixes migradores no Miño.

Existe unha notable perda de calidade do hábitat e das augas superficiais da conca do Miño, que unida á sobreexplotación dos recursos pesqueiros daas diferentes especies migradoras (especialmente a anguía e a lamprea) supoñen un importante risco medioambiental, cunha clara incidencia na economía local da zona. Tamén pon en risco un elemento básico da identidade cultural e histórica local compartida a ambos os lados da fronteira en relación co aproveitamento destes recursos pesqueiros.

O proxecto MIGRA MIÑO – MINHO contribúe a reverter esta situación a través da cooperación entre diferentes instituciones con competencias en conservación e xestión de concas de Galicia e Portugal.