Solta de salmóns no río Miño con apoio das armadas española e portuguesa

Solta de salmóns no río Miño con apoio das armadas española e portuguesa

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural e o Instituto de Conservação da Natureza e das Florestas (ICNF) realizarán o próximo venres 4 de maio unha solta de xuvenís de salmón no Tramo Internacional do río Miño. Esta acción, que estará apoiada polas Armadas Portuguesa e Española, encádrase nunha das actividades do proxecto Migramiño, en concreto na denominada “Reforzo e mellora das poboacións de peixes migradores”.

O río Miño representa na actualidade o límite da distribución sur do salmón atlántico en Europa. Desde finais dos anos 90 ata a actualidade, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio ven desenvolvendo un programa de recuperación do salmón atlántico nos ríos galegos, entre os que se atopa o Miño.

Estas actuacións céntranse na mellora da accesibilidade, o control da pesca e a mellora das poboacións mediante repoboacións con reprodutores autóctonos. Actualmente o río Tea (principal afluente do Miño na súa marxe galega) xunto ó río Mouro (afluente na marxe portuguesa) representan, xunto a algunhas áreas do curso principal, as únicas zonas de reprodución e cría natural do salmón atlántico na bacia do río Miño. Recentente comezou a funcionar unha estación de captura na presa de Frieira, primeira barreira infranqueable do curso principal do río Miño. Dende entón, captúranse xuvenís de anguía e reprodutores de salmón para o seu traslado á piscifactoría de Carballedo, onde se reproducen de forma artificial e críase a súa descendencia. Desta xeito, formouse un stock de salmóns de orixe no río Miño para o reforzo das poboacións neste río.

Debido á seca do pasado outono, non se puideron facer soltas nos afluentes de ambas marxes, un dos obxectivos deste proxecto, polo que os técnicos da DXPN e do ICNF decidiron aplazalo ata a primavera e soltar os xuvenís na fase de esguín, xusto antes da súa migración cara o mar. Deste xeito, o próximo vernes día 4 de maio ás 11:00 (hora española) soltaranse un total de 6.000 esguíns desde a Comandancia Naval de Tui.