27 Dec Preséntase o Informe sobre a asistencia ao III Congreso Ibérico de Restauración Fluvial
Unha das actividades de Migra Miño-Minho está dirixida á redución das presións de orixe antrópico que afectan o hábitat fluvial. Para iso considerouse, entre outras actuacións, a rexeneración do bosque de ribeira no río Tea, dentro da ZEC Río Tea, mediante eliminación da vexetación alóctona invasora e consolidación das marxes do río.
A asistencia ao III Congreso Ibérico de Restauración Fluvial supuxo unha oportunidade para afianzar conceptos e ideas que permitan unha maior eficacia na execución do mencionado proxecto.
En Restauraríos 2019 reuníronse persoas de distintos ámbitos como a xestión, a investigación ou a planificación fluvial, persoas con experiencia en restauración fluvial, naturalistas, pertencentes a voluntariados da conservación fluvial e persoas interesadas na recuperación dos nosos ríos. Como en edicións anteriores, Restauraríos é un foro de encontro, divulgación e discusión entre os diversos estamentos e organizacións que se dedican á restauración de ríos, no que se compartiron e intercambiaron experiencias.
Informe sobre a asistencia ao III Congreso Ibérico de Restauración Fluvial

