Obxectivo Xeral da execución do Proxecto Migra Miño

Obxectivo Xeral da execución do Proxecto Migra Miño

Dentro do marco da execución do proxecto Migra Miño uno dos obxectivos é conseguir obter unha protección e unha xestión sustentable dos espazos naturais. Por tanto o proxecto contribúe directamente á consecución do obxectivo específico exposto para esta prioridade de investimento: mellorar a protección e xestión sustentable dos espazos naturais. O espazo natural do río Miño é, xunto co Geres – Xurés, o principal espazo natural de fronteira entre Galicia e Portugal. MIGRA MIÑO – MINHO incide directamente no obxectivo ao expor unha estratexia conxunta baseada en intervencións sobre o medio que redundarán directamente na mellora da protección e xestión deste espazo natural.

En Galicia e Portugal, a situación das especies migradoras é moi preocupante. Esta situación é común para o Reo (Salmo trutta), Salmón (Salmo salgar), Sáibao (Alosa alosa), Saboga (Alosa fallax), Lamprea mariña (Petromyzon marinus) e Anguía (Anguilla anguilla) que unicamente poden remontar os primeiros 77 km. desde a desembocadura do río ata o encoro de Frieira e que se corresponde practicamente na súa totalidade co tramo internacional do río Miño que comporten España e Portugal. A construción de presas, coas consecuencias que se derivan dela (perdida do hábitat, perdida de zonas de reprodución, etc) e unha mala regulación pesqueira (cunha sobreexplotación importante para todas as especies) pódense identificar como os principais factores que afectaron e que seguen afectando na actualidade á súa distribución e abundancia.

Neste sentido, o desenvolvemento dos aproveitamentos hidráulicos para distintos usos contribuíu ao incremento do número de infraestruturas ao longo dos leitos fluviais que afectan directamente á conservación dos peixes migradores e cuxa repercusión máis importante é o denominado efecto barreira, de maneira que illa as poboacións e impide os desprazamentos migratorios dos peixes desde e cara ao mar, provocando primeiro unha diminución das abundancias dos stocks para posteriormente ter como resultado poboacións residuais e eventualmente a extinción das mesmas.

As infraestruturas hidráulicas e a xestión e dispoñibilidade dos recursos hídricos, non soamente afectan os ecosistemas acuáticos continentais, senón a todos os compoñentes relacionados co funcionamento ecolóxico dos ecosistemas mariños costeiros. Esta dependencia río/mar faise patente na zona estuárica do río Miño, onde se desenvolve unha intensa actividade extractiva de recursos naturais (marisqueo, pesqueira de baixura) e, especialmente, na reprodución e recrutamento dos efectivos poboacionais dos peixes migradores que constitúen unha fonte de recursos económicos de primeira orde polo seu interese pesqueiro, turístico, deportivo e cultural.

O proxecto MIGRA MIÑO – MINHO ten como obxectivo xeral mellorar a protección e conservación do hábitat fluvial da bacía do río Miño no tramo internacional a través da implementación de actuacións de mellora dos leitos fluviais e do estado de conservación das especies de peixes migradores presentes no Baixo Miño e os seus afluentes tributarios.

O proxecto pretende dar resposta ademais ás demandas político-sociais de mellorar o estado de conservación das especies de peixes migradores, o que contribuirá á preservación e valorización das actividades pesqueiras tradicionais, así como ao desenvolvemento socioeconómico sustentable do territorio transfronteirizo, ao responder as necesidades prácticas das actividades comerciais coa pesca, o turismo ou o sector enerxético.