Aprobadas para o ano 2021 novas medidas de xestión fluvial no Tramo Internacional do Río Miño (TIRM) definidas polo proxecto POCTEP Migramiño

Aprobadas para o ano 2021 novas medidas de xestión fluvial no Tramo Internacional do Río Miño (TIRM) definidas polo proxecto POCTEP Migramiño

Trátanse de medidas propostas polo proxecto de cooperación transfronteiriza Migra Miño-Minho, financiado polo FEDER e liderado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. O proxecto ten como obxectivo a protección e conservación dos peixes migradores na conca internacional do Miño.

A proposta das medidas de xestión fluvial no Tramo Internacional do Río Miño (TIRM) e nos seus afluentes galegos e portuguesas servirá de guía para avanzar cara a unha xestión máis harmonizada dos recursos pesqueiros do Miño.

A tempada de pesca para o ano 2021 no Tramo Internacional do Río Miño (TIRM) comezará con novas normas de xestión propias. Así o aprobou a Comisión Permanente Internacional do Río Miño (CPIRM) o pasado 2 xullo de 2020 no seu edicto de pesca para o 2021, que incorpora varias medidas propostas no documento de “Normas de Xestión Común de Pesca Fluvial no TIRM e os seus afluentes” que foi elaborado no marco do Proxecto POCTEP Migramiño  liderado pola Xunta de Galicia.

As medidas adoptadas para a pesca no Tramo Internacional do Miño van destinadas a protexer as especies fluviais de interese preferente, e en concreto establécense vedas para o uso de redes de trasmallo, butrón e cabeceira, canas e liñas, reducindo o período hábil de pesca. O edicto tamén definirá por primeira vez cotas e tamaños no exercicio da pesca recreativa para o salmón (1 exemplar) , reo e troita (8 exemplares), sáibao (1 exemplar) e saboga (5 exemplares) por pescador e día.  En caso de pesca en embarcación dóbranse as cotas excepto no caso do salmón que se mantén. Tamén se unifica a talla mínima para a pesca do reo e a troita en 25 cm.

Un documento con 31 medidas definidas de forma participativa

Grazas ao proxecto Migramiño púidose elaborar un documento que recolle unha proposta de “Medidas de Xestión Comúns para a Pesca Fluvial no TIRM e os seus Afluentes”. Por primeira vez estableceuse unha base consensuada para a xestión dos recursos pesqueiros, co obxectivo de adoptar medidas e harmonizar criterios de xestión na pesca das diferentes especies na conca internacional do río Miño. Parte destas medidas foron consideradas pola Comisión Permanente Internacional do Río Miño para o seu edicto de pesca 2021 e espérase que tamén sexan de aplicación nos afluentes pontevedreses do río Miño o ano que vén.

Este documento foi desenvolvido contando coa opinión das administracións con competencias na xestión da pesca fluvial, expertos científicos e foron consultados entidades representantes de colectivos de pescadores de Galicia e o Norte de Portugal.

Acordáronse 31 medidas para lograr unha mellor conservación e protección do ecosistema fluvial, un mellor aproveitamento dos recursos pesqueiros e unha mellor xestión e harmonización lexislativa da pesca profesional, artesanal e lúdico-deportiva. Entre as medidas destacan a creación dun coto internacional de pesca recreativa de salmón, a restrición do uso do trasmallo na desembocadura do río Miño e da rede de cabeceira, a unificación de cotas de troita e reo e a fixación de cota para o salmón, saboga e sáibao. Tamén se expón a unificación de cotas e tallas mínimas para troita nos afluentes galegos e portugueses entre outras medidas

Unha actividade pesqueira moi destacada no Miño

No río Miño desenvolveuse, desde hai séculos, unha pesqueira que aínda persiste nos nosos días e que na actualidade concéntrase fundamentalmente na anguía e a lamprea. Na actualidade estas especies son un recurso moi importante para a actividade económica a ambos os dous lados do río Miño: existen máis de 400 pescadores profesionais, 250 embarcacións activas e preto de 300 pesqueiras en explotación utilizadas por 500 patróns e pescadores. No caso da anguía capturáronse 1.756 kg na tempada 2019 – 2020.

O documento de Normas está dispoñible nesta ligazón.