Medio Ambiente adxudica a rexeneración da ribeira do Río Tea a unha empresa de inserción laboral

Medio Ambiente adxudica a rexeneración da ribeira do Río Tea a unha empresa de inserción laboral

  • Esta actuación, prevista no Proxecto de Cooperación Transfronteiriza Migramiño que lidera a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, ten un importe de 51.650 € e realizarase nos próximos 4 meses.
  • A execución desta actividade estaba reservada a centros especiais de emprego de iniciativa social e empresas de inserción laboral.

A Xunta de Galicia adxudicou o servizo de rexeneración do bosque de ribeira, eliminación de vexetación alóctona invasora e consolidación das marxes da Zona de Especial Conservación (ZEC) do río Tea a Properdis, Empresa de Inserción Laboral S.L.

Esta licitación estaba reservada de xeito específico a centros especiais de emprego de iniciativa social e empresas de inserción laboral, polo que a Consellería quere apoiar a igualdade de oportunidades a colectivos desfavorecidos.

A realización desta actividade permitirá a recuperación ambiental de máis de 1,5 km da ribeira do Tea, afluente no que se reproducen diversas especies fluviais, como é o salmón.  Está prevista a plantación de bosque de ribeira con frondosas autóctonas e a eliminación de especies arbóreas alóctonas.

Trátase dunha actuación contemplada no proxecto de cooperación transfronteiriza Migramiño-minho, que ten como obxectivo a protección e conservación do hábitat fluvial do Baixo Miño e así contribuír a mellora das especies migradoras como son o salmón, a lamprea ou a anguía. Está cofinanciado nun 75% pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

A previsión é que estes traballos comecen a mediados de decembro. Con todo, o groso das actuacións  desenvolveranse nos primeiros meses do 2020, posto que é a época máis axeitada para poder realizar as tarefas de plantación.