INVENTARIO DE PRESIÓNS NA SUBCUENCA INTERNACIONAL DO RIO MIÑO

INVENTARIO DE PRESIÓNS NA SUBCUENCA INTERNACIONAL DO RIO MIÑO

 

Para coñecer o grao de fragmentación do hábitat de cada especie ou grupo de especies da ictiofauna do río Miño e, por tanto, a incidencia dos obstáculos sobre a súa distribución realizouse un estudo da tipoloxía dos obstáculos presentes de catro afluentes seleccionados.Na parte española da conca, os ríos Pego, Furnia, Caselas e Deva. Na parte portuguesa inventariáronse outros catro ríos: Coura, Veiga dá Mira, Gadanha e Mouro.

A presenza de grandes barreiras transversais nos ríos pode chegar a impedir os movementos da ictiofauna ao longo do eixo fluvial e levar á compartimentación e illamento das poboacións dos diferentes tramos. De maneira semellante, a sucesión de pequenos obstáculos limita a continuidade fluvial de forma que só os individuos que presenten unhas características concretas (estado do ciclo, condición individual, etc.) serán capaces de superar un obstáculo determinado e alcanzar o seguinte tramo fluvial. Como consecuencia, obtemos un efecto acumulativo que produce un impacto acumulado, de maneira que os obstáculos exercen unha selección sobre a poboación reducindo a densidade dos seus efectivos ao longo do eixo fluvial ( DAGREVE, 2005).

O paso destas barreiras polos peixes depende, ademais, da especie de peixe, da súa medida e condición, da altura do obstáculo, da inclinación e da profundidade da poza ao pé do mesmo, etc. aspectos que inflúen na velocidade de impulso do peixe e, por tanto, na súa capacidade de salto ( REISER & amp; PEACOCK, 1985). Tamén hai que ter en conta como é a coroación do obstáculo, xa que ademais da altura para superar mediante salto poida que os peixes teñan que superar un obstáculo horizontal, o que incrementa o efecto barreira.

A pesar de que o número de estruturas sobre o que se prevé actuar no Proxecto Migra Miño- Minho son oito, repartidas entre os afluentes de España e Portugal, a listaxe realizada inclúe un número maior. O obxectivo desta maior selección é o de proporcionar un número suficiente de estruturas potenciais sobre as que actuar, ante a posible existencia de problemas futuros que complican ou impidan a permeabilización dalgúns dos impedimentos.