
13 Mai O río Miño é unha das maiores localizacións de anguías en España
A anguía é unha especie que se caracteriza pola forma do seu corpo, moi alongado e cilíndrico, con labio inferior prominente e pel moi escorregadiza. Cambian notablemente a morfoloxía ao longo do seu ciclo vital e a súa coloración tamén é variable, entre tons negros, verdosos e amarelados que mudan cara a tonalidades prateadas segundo se achegan á fase madura.
Trátase dunha especie catádroma, é dicir, vive principalmente nos ríos e migra ao mar para reproducirse. A desova ten lugar no mar dos Sargazos, no Atlántico setentrional, a grandes profundidades. Na auga doce vive no fondo, preferentemente de area e lodo, onde se enterra para hibernar. Adáptase a diferentes condicións de salinidade e temperatura, polo que pode habitar en calquera medio acuático, xa sexan ríos, canles, lagos e mesmo pozos. En canto á alimentación, é unha especie omnívora e detritívora.
A reprodución no mar dos Sargazos ten lugar ao final do inverno ou durante a primavera. Cando nace, a anguía comeza como unha larva, transparente e aplanada lateralmente, que ao achegarse á costa se transforma en meixón, con cor parda-verdosa e parte ventral esbrancuxada. A migración a través do Atlántico dura entre 3 e 7 anos. Durante o ascenso nos ríos, que se produce de outubro a abril, vaise alimentando e convértese en anguía amarela, co dorso case negro e o ventre amarelado. Finalmente, cando acada a madurez sexual, adquire un ton prateado, polo que se coñece como anguía prateada, e comeza a súa migración ao mar entre outubro e decembro. Durante este descenso é cando se produce a pesca da anguía nos ríos. Unha vez chega de novo ao mar dos Sargazos, a anguía desova e pecha así o seu ciclo vital.
O estuario do Miño é unha das poucas localizacións de anguías que mantén certa importancia en España, aínda que o seu estado de conservación é preocupante, polo que foi catalogada como especie vulnerable no tramo internacional do río. A súa repercusión no plano ecolóxico afecta tamén ao económico, xa que este é o único río en Portugal onde se permite a pesca de anguías.