Actividades de divulgación no día mundial dos peixes migradores

Actividades de divulgación no día mundial dos peixes migradores

Con motivo da celebración da Xornada Mundial dos Peixes Migradores, o pasado 21 de abril, a Estación de Hidrobioloxía “Encoro do Con” da USC, a DX de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia e o Aquamuseu do Rio Minho de Vila Nova de Cerveira, organizaron unha serie de actividades divulgativas para dar a coñecer a situación dos peixes migradores no río Miño e nos seus afluentes e explicar algunhas das accións que se están levando a cabo dentro do Proxecto Migramiño.

A xornada comezou no río Furnia (Tomiño), onde varios membros da Estación de Hidrobioloxía explicaron as diferentes especies de migradores que habitan o Baixo Miño e as barreiras fluviais que afectan ó seu ciclo de vida e ameazan seriamente a súa supervivencia. Tamén se fixeron capturas de peixes mediante pesca eléctrica para mostrar ó público esta técnica.

Tamén se realizou unha visita guiada ó Aquamuseu do rio Minho, en Vila Nova de Cerveira, onde ademais de poder ver varias especies de peixes migradores, explicáronse as técnicas de pesca tradicionais.

A visita contou cun autobús gratuíto para recoller e transportar ós participantes da xornada.