
06 Mai Migramiño loita para evitar a redución de poboacións de alosas
O sable e a sabella son dúas especies moi parecidas que poden mesmo chegar a hibridar. De corpo alongado e comprimido lateralmente, caracterízanse por ter grandes escamas e unha cor prateada e brillante con manchas negras xusto detrás do opérculo. Diferéncianse entre si polo número de branquiespiñas no primeiro arco branquial (o sable ten o dobre que a sabella) e polo tamaño que acadan os adultos (o sable entre 40 e 85 cm mentres que a sabella só 25-45 cm). Os sables poden vivir ata 8 anos e as sabellas ata 12.
Son especies migratorias anádromas, é dicir, viven principalmente en auga salgada e reprodúcense nos ríos. No mar, ambas son gregarias e viven en profundidades de ata 200-300 m. Habitan tanto sobre a plataforma continental como na zona litoral e a sabella preferentemente próxima aos estuarios.
Os adultos entran nos estuarios a finais do inverno e durante toda a primavera. Cando remontan o río non se alimentan, polo que nesta fase perden ata un 55 % do seu peso. Reprodúcense entre maio e xuño, en zonas de pouca profundidade e area ou grava. A sabella adoita desovar en tramos medios ou baixos do río, mesmo nos estuarios, mentres que o sable busca tramos máis altos. Os xuvenís chegan ao estuario durante o verán e o outono e permanecen alí, os de sable durante 4-6 meses e os de sabella ata o segundo ou terceiro verán. Despois volven ao mar, ata acadar a madurez sexual e iniciar de novo o ciclo.
Tanto o sable como a sabella están presentes no río Miño e o seu estado de conservación é preocupante, polo que son especies catalogadas como vulnerables. A situación é común a outros territorios de Europa, onde as súas poboacións se están reducindo de forma drástica e, no caso do Miño, a situación é especialmente crítica no tramo internacional ao seu paso por Portugal.