Medio Ambiente investirá 50.000 euros na recuperación do bosque de ribeira doTea

Medio Ambiente investirá 50.000 euros na recuperación do bosque de ribeira doTea

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda executa unha actuación para a recuperación das masas de bosque de ribeira en quince quilómetros do río Tea ao seu paso polos municipios de Ponteareas e Salvaterra do Miño.

Os traballos teñen por obxectivo garantir e recuperar o arboledo de primeira liña das marxes do río Tea, e consolidar as mesmas mediante a plantación de salgueiros e doutras especies frondosas. Así mesmo, procederase á eliminación de especies alóctonas, principalmente, a falsa acacia (Robinia pseudoacacia), o arce con follas de freixo (Acer negundo), ailanto (Ailanthus altissima), mimosa (Acacia dealbata) e bambú xigante (Phyllostachys bambusoides). Por último, efectuaranse traballos para a retención de derrubes ou desprendementos de noiros que se puidesen ver afectados polas crecidas.

Os traballos deste proxecto de recuperación realizaranse durante os catro próximos meses, e o orzamento destina a eles superará os 50.000 euros. Serán executados por un centro especial de emprego de iniciativa social, co fin de facilitar unha oportunidade laboral a persoas de colectivos de difícil inserción.

Trátase dunha actuación que se enmarca dentro do proxecto denominado Migra Miño- Minho, que lidera a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, que conta con fondos Feder coofinanciado pola Unión Europea.

Fonte: La Voz de Galicia