Reo (Salmo trutta)
Reo (Salmo trutta)
O reo, tamén coñecido como troita de mar, é a forma migradora da troita común. Aínda que ambos pertencen á mesma especie, o reo, como migrador anádromo, descende ao mar e volve ao río para reproducirse.
A diferenza da troita común, que ten unha cor pardo-verdosa con manchas negras e vermellas, o reo, á súa chegada ao mar, adquire un ton prateado con pintas unicamente negras, polo que á súa volta aos ríos pode distinguirse da forma non migradora. Porén, a medida que pasa tempo no río, estas diferenzas vólvense menos notables.
A súa lonxitude varía entre 25 e 40 cm e ten aletas máis grandes que a troita común.
Son nadadores eficaces e poden superar obstáculos de ata 1 m.
Nos ríos o reo, xunto coa troita común, adoita vivir en augas frías e ben osixenadas.
No mar habita en zonas próximas á costa, con profundidades ata os 80 m.
É depredador e aliméntase de insectos, crustáceos, moluscos e outros peixes.
Os alevíns adoitan permanecer no río de 1 a 4 anos, aínda que, polo xeral, aos 2 anos e xa convertidos en esguíns, migran ao mar durante a primavera e alí transcorre a súa fase de crecemento por un, dous ou tres anos.
Acadada a madurez sexual, os reos volven ao río para completar o ciclo reprodutor xunto á troita común, a final de ano ou durante o inverno. Esta especie non morre tras a desova, polo que se reproducen varias veces ao longo da súa vida.
No tramo de Galicia obsérvanse flutuacións anuais no número de migradores durante os últimos anos, pero o seu estado de conservación considérase satisfactorio. No tramo internacional, a súa situación é máis crítica, polo que se considera unha especie vulnerable.
Os factores negativos que poñen en perigo a conservación do reo no río Miño son:
-Perda de calidade da auga
– Dificultade para o movemento migratorio e o acceso á zona de reprodución
– Redución do hábitat dispoñible para o desenvolvemento dos xuvenís
-Perda de calidade hidromorfolóxica da auga (flutuacións de caudal, procesos de canalización e extracción que implica a construción de presas)
-Alteración do hábitat polo consecuente aumento da temperatura da auga (o reo prefire augas frías) e aumento na variabilidade dos caudais