Acordo de colaboración entre a CHMS e o Concello de Tui

Acordo de colaboración entre a CHMS e o Concello de Tui

Onte, o Xefe de Área de Plans e Estudos da CHMS, Agustín Sevilla, mantivo unha reunión co Concelleiro de Cultura, Patrimonio e Medio Ambiente de Tui, Eduardo Freiría, para informalo sobre os plans que están en marcha no proxecto Migra Miño-Minho e que afectan precisamente ó río Caselas, ó seu paso por este concello.

No marco da actividade 1 do proxecto, unha das accións consiste en intervir sobre varios obstáculos seleccionados en afluentes do Baixo Miño que frean a migración natural dos peixes fluviais, para tratar de mellorar e favorecer a mobilidade e accesibilidade no río. As actuacións contempladas no proxecto consisten en demoler ou permeabilizar ditos obstáculos.

No caso do río Caselas existen dous obstáculos que deberían ser permeabilizados mediante a instalación de dispositivos de franqueo e, antes de poder actuar sobre eles, os trámites administrativos previos pasan por obter a autorización dos concellos implicados. Ademais, a través do concello tamén se tratará de evitar conflictos sociais e conciliar os intereses de aqueles veciños que poidan verse afectados pola execución de obras no río.
Durante a reunión mantida onte en Tui, o concelleiro manifestou o seu acordo e a súa colaboración para actuar sobre estes obstáculos seleccionados no río Caselas.

Isto supón un importante avance para o desenvolvemento do proxecto, pois coa autorización por parte do concello, poderanse axilizar os trámites administrativos necesarios para a execución das obras de permeabilización, previstas para este ano 2018.